|
O ATLAS LINGÜÍSTICO DE LA PENÍNSULA IBÉRICA (ALPI)
DIRIXIDO POR TOMÁS NAVARRO TOMÁS
Esta páxina do CSIC dedicada ao ALPI reúne información sobre o proxecto histórico do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, concibido por Ramón Menéndez Pidal e dirixido por Tomás Navarro Tomás desde o Centro de Estudios Históricos nos anos vinte e trinta do século pasado, e sobre os traballos de elaboración e edición que actualmente se desenvolven, coordinados desde o CSIC, para publicar os seus materiais inéditos.
Como é habitual en Xeografía Lingüística, o ALPI permitirá verter o resultado dos seus traballos de campo en mapas que sirvan para reflectir a distribución espacial das respostas do seu cuestionario e, a partir deses datos, estudar a realidade das variedades románicas peninsulares naqueles anos do século XX e contrastalas con noticias lingüísticas posteriores.
Segundo se vaia avanzando na súa elaboración, os materiais de enquisa poderán consultarse aquí, a través da base de datos, e tamén se poderán facer, a partir deles, distintos tipos de mapa. Nesta primeira etapa accederase, desde a lapela Consulta, ás respostas correspondentes a dez preguntas do ALPI, elaboradas especialmente para que se poidan consultar e cartografar como exemplo do que será a edición definitiva. Na lapela Galería atópanse clasificadas as valiosas fotografías do Fondo Lorenzo Rodríguez-Castellano relacionadas co atlas. Ademais, pouco a pouco iranse incluíndo nesta páxina as referencias aos estudos que se fixeron sobre o ALPI e, na medida do posible, os propios estudos.
A responsable dos contidos da páxina é Pilar García Mouton, profesora de investigación do CSIC e coordinadora do proxecto de edición do ALPI, que conta cun equipo formado por Inés Fernández-Ordóñez (Universidad Autónoma de Madrid - Real Academia Española); David Heap (University of Western Ontario); Maria Pilar Perea (Universitat de Barcelona); João Saramago (Centro de Linguística da Universidade de Lisboa) e Xulio Sousa Fernández (Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela).
Forma de citar o proxecto:
García Mouton, Pilar (coord.), Inés Fernández-Ordóñez, David Heap, Maria Pilar Perea, João Saramago, Xulio Sousa, 2016, ALPI-CSIC [www.alpi.csic.es], edición dixital de Navarro Tomás, Tomás (dir.), Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, Madrid, CSIC.
Copyright © 2016. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Todos os dereitos reservados.
alpi@cchs.csic.es
|