Os especialistas coñecen o Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI) como o atlas de gran dominio peninsular concibido nos primeiros anos do século XX por Ramón Menéndez Pidal e o seu equipo na Sección de Filología do Centro de Estudios Históricos (CEH) de Madrid, que pertencía á Junta para la Ampliación de Estudios (JAE). O director dos traballos do ALPI foi Tomás Navarro Tomás.
O Atlas Lingüístico de la Península Ibérica xurdiu no marco da xeografía lingüística europea do momento, impulsada naqueles primeiros anos do século pola publicación do Atlas Linguistique de la France (ALF) de Jules Gilliéron. Segundo explica Navarro Tomás na súa Noticia histórica del ALPI (1975: 9):
En 1914 quedaron ya definidas las líneas generales del proyectado atlas. En primer lugar, no se limitaría a la parte de España de lengua castellana, sino que abarcaría toda la unidad lingüística románica de la Península y se titularía Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). Su objeto sería recoger el material necesario para ofrecer una representación de la lengua popular hablada en pueblos menores y antiguos por personas iletradas o de escasa cultura, entre los cuarenta y los sesenta años de edad.
A pesar de que o proxecto se ideou a principios de século, as circunstancias foron adiándoo e os cuestionarios do ALPI non se imprimiron ata 1930. Entre 1931 e 1936 fíxose rapidamente a meirande parte das enquisas, pero despois da guerra civil houbo que esperar bastante tempo para que, coa colaboración de varios dos investigadores do proxecto orixinal e a tutela desde o exilio de Navarro Tomás, se retomasen no CSIC os traballos que finalmente permitiron editar, en 1962, o único volume publicado ata agora.
Esta páxina recolle unha breve historia do atlas, e das súas bases metodolóxicas, cos avances do proxecto intramural do CSIC que desde o ano 2009 elabora os materiais inéditos do ALPI, que poderán consultarse a través da ferramenta informática á que se accede desde a lapela Consulta.