Tomás Navarro Tomás diante da Residencia de Estudiantes (Madrid)
|
En 1929, despois dun período de preparación longo e grazas a unha subvención da Junta de Relaciones Culturales, puxéronse en marcha os traballos do ALPI. A maior parte das enquisas foron feitas en pouco tempo, entre 1931 e o verán de 1936, cando a guerra civil as interrompeu e o seu director tivo que fuxir para o exilio. A finais dos anos corenta, en vista de que a situación política española se mantiña, Navarro Tomás decidiu enviar os cuestionarios das enquisas feitas antes da guerra a Madrid, ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), o organismo que herdara as competencias do Centro de Estudios Históricos. Nos últimos meses de 1950 Lorenzo Rodríguez-Castellano e Manuel Sanchis Guarner, dous dos antigos colaboradores do ALPI, desprazáronse a Nova York para facerse cargo dos cuestionarios e para fixar con Navarro Tomás as cuestións metodolóxicas fundamentais que debían guiar o traballo, xa que o CSIC se comprometera a contratalos para que organizasen as enquisas que aínda estaban pendentes e preparasen a edición do atlas. |
Finalmente, despois de moitas vicisitudes, o CSIC editou en 1962 un primeiro tomo de Fonética con 75 mapas, pero a publicación interrompeuse e non se retomou. Abandonado o proxecto, os cuestionarios do ALPI quedaron repartidos entre os enquisadores responsables das tres grandes zonas peninsulares —Lorenzo Rodríguez-Castellano, Aníbal Otero e Manuel Sanchis Guarner—, que se encargaran ata entón de elaborar os materiais. |