O Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI) corresponde ao que os xeolingüistas chaman atlas de gran dominio, como o foron no seu día o Atlas Linguistique de la France (ALF) de Jules Gilliéron ou o Sprach- und Sachatlas Italiens und der Südschweiz (AIS) de Karl Jaberg e Jakob Jud, nos que se inspirou. O seu obxectivo era facilitar a caracterización das variedades iberorrománicas peninsulares. Desde os traballos teóricos de Jaberg, os especialistas distinguiron claramente entre os obxectivos dun atlas de gran dominio e os dun atlas de pequeno dominio.

Esta concepción parte dunhas diferenzas metodolóxicas claras: o obxectivo dun atlas de gran dominio é recoller materiais que permitan caracterizar lingüisticamente un territorio extenso, o que supón establecer unha rede de enquisa ampla, ancha, con puntos que poden non estar moi próximos entre si, e un cuestionario o suficientemente xeral como para adaptarse a xeografías e a culturas diferentes; en cambio, como se ocupa dun ámbito menor, un atlas de pequeno dominio pode e debe dotarse dunha rede de enquisa densa, estreita, con puntos abondos para trazar unha malla que cubra todo o ámbito, e utiliza un cuestionario específico, moi achegado á realidade cultural do territorio que pretende estudar.