A rede de enquisa do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, que inclúe os dominios lingüísticos iberorrománicos peninsulares coas Illas Baleares, é unha rede ancha, como corresponde a un atlas de gran dominio, con certos desequilibrios entre unhas zonas e outras que deixan entrever o especial interese inicial dos seus investigadores polas variedades históricas. Por este motivo, a rede de enquisa resulta, en ocasións, pouco mesta nos territorios que ocupan as falas castelás innovadoras. Segundo os propios investigadores do ALPI, á hora de definir a rede de enquisa tiveron en conta o interese das localidades e os determinantes xeográficos e históricos:
Ocurre por ello, que la red de localidades estudiadas es poco simétrica, puesto que es más tupida en las zonas de más intensa diversidad dialectal, como Asturias, que en regiones de mayor nivelación lingüística, como el centro de Castilla.
Fueron generalmente preferidos en el ALPI los pueblos pequeños, en los cuales el habla y la cultura popular tradicionales se mantenían casi incontaminadas de la influencia de las formas más regulares y uniformes de las poblaciones importantes.
(Introducción, 1962: 8)
A rede consta de 529 localidades entre as que non se inclúen capitais de provincia nin cidades importantes, como era habitual nos traballos xeolingüísticos da época. Segundo a Introducción do ALPI, ao consideralas focos de influencia lingüística, existía o proxecto de estudar as cidades nun apéndice con «documentación rexistrada experimentalmente, para facilitar, sobre todo, a investigación das cuestións relativas á cantidade e entoación», pero esta empresa nunca se levou a cabo.
Como xa se apuntou, as enquisas cobren os territorios románicos da Península, coas Illas Baleares e algunhas extensións do catalán no Rosellón, pero non inclúen Ceuta, Melilla, as Illas Canarias, as de Madeira nin as Azores, que se pensaban estudar “en anexos complementarios”.
Para o cartografado do primeiro tomo, distinguíronse sete zonas. Dentro delas, os lugares de enquisa numeráronse correlativamente:
- Galicia (100-151),
- Portugal (200-292),
- Asturias, León e Extremadura (300-377),
- as dúas Castelas con Albacete (400-489),
- Andalucía e Murcia (500-570),
- Navarra e Aragón (600-639),
- Andorra, Rosellón, Cataluña, Valencia e as Illas Baleares (700-803)