As primeiras enquisas fixéronse a finais de maio de 1931 en Rascafría e en Valdepiélagos (Madrid) cos membros do equipo e, á fronte deles, Tomás Navarro Tomás. Para entón, Navarro Tomás contaba coa experiencia do seu traballo de campo en Porto Rico. A partir destas primeiras enquisas, o habitual era que o traballo o fixeran os enquisadores de dous en dous e, mentres un preguntaba a parte de fonética (normalmente Espinosa, Otero ou Sanchis Guarner), o outro (Rodríguez-Castellano, Moll ou Sá Nogueira / Nobre de Gusmão / Lindley Cintra) encargábase de preguntar polo vocabulario.
Lorenzo Rodríguez-Castellano en Las Alpujarras (1933), traballando para o ALPI. ARC ARC (Archivo Rodríguez-Castellano)
Desprazábanse como podían, normalmente en transporte público, aínda que o equipo da zona castelá acabou dispoñendo dun Ford de segunda man.
Lorenzo Rodríguez-Castellano co Ford en San Sebastián, antes da guerra. ARC ARC (Archivo Rodríguez-Castellano)
En xeral, os enquisadores saían por unha tempada, para facer unha campaña, e en cada viaxe cubrían varios puntos seguidos. A medida que avanzaban, mandábanlle por correo a Navarro Tomás os cuestionarios terminados, e el escribíalles ás estafetas dos lugares aos que se dirixían, enviándolles cartas, permisos e, en ocasións, cartos. Hai que destacar o feito de que as condicións nas que traballaron os enquisadores do ALPI foron moitas veces francamente duras.