A ferramenta informática deseñouse especificamente para este proxecto no Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC. No seu deseño traballaron, como especialista informático, Juan Carlos Martínez; como técnico informático de desenvolvemento, Ángel Díaz del Castillo e, como especialista en xeolingüística, Pilar García Mouton. Á definición do deseño contribuíu todo o equipo científico, a través das necesidades de uso formuladas nas distintas reunións. Xulio Sousa, o responsable do equipo galego, con experiencia informática, resultou de grande axuda.

A ferramenta informática na súa forma actual ten unha configuración que permite a incorporación dos datos desde distintos lugares. O deseño da ferramenta para a introdución dos datos –que parte dunha base de datos relacional- inclúe determinados aspectos técnicos: entre outros, a imaxe dixitalizada das respostas en transcrición ARFE, os tres distintos teclados de axuda -nos que se mostran os equivalentes ARFE a cada símbolo AFI- que permiten introducir esas respostas en transcrición no alfabeto internacional, a grafía nas distintas linguas iberorrománicas -con enlace aos dicionarios asturiano, castelán, catalán, galego e portugués-, as imaxes e os contidos etnográficos, con funcións para a premarcación fonética, morfolóxica, sintáctica e léxica previsibles en cada unha das cuestións, controis de acceso personalizados e xerarquizados para os distintos colaboradores, dado que se traballa nela a través da rede desde distintos puntos, funcións para optimizar o control e a corrección do traballo,etc.
 
Outra etapa do proceso, relacionada con esta, é a dedicada ao deseño dos sistemas que faciliten a transferencia automática para facer mapas á carta, buscas de todo tipo sobre os datos, por zonas limitadas, etc., enlaces coas referencias a outros mapas sobre os mesmos items de calquera outro atlas románico e do atlas vasco, a tradución das cuestións ás principais linguas de cultura, etc.