A ferramenta informática deseñouse no CCHS do CSIC, grazas á colaboración mantida ao longo destes anos entre Pilar García Mouton, Juan Carlos Martínez, responsable informático do proxecto, e Ángel Díaz del Castillo, técnico informático de desenvolvemento. As distintas etapas do seu desenvolvemento presentáronselle ao resto do equipo nas reunións periódicas que se realizaron no CSIC, das que saíron moitas suxestións de mellora que permitiron refinala.

Para o desenvolvemento do proxecto acordouse empregar software libre, que permite facer o proxecto independente de licenzas de software propietario, nun contexto tecnolóxico en que existen programas estendidos e de grande calidade baixo licenzas GPL. As ferramentas funcionan baixo un sistema operativo Linux Ubuntu, con servidores de páxinas web Apache 2.2.14 e servidor de aplicacións Tomcat 6. Para o almacenamento de datos empregouse a base de datos PostgreSQL 8.4, cos módulos Postgis que lle facilitan a funcionalidade xeoespacial. A linguaxe de programación utilizada para a implementación das ferramentas de traballo e de servizo ao usuario final é PHP5 + HTML + JavaScript + CSS. A páxina web do proxecto desenvolveuse mediante o CMS (xestor de contidos) Drupal 7. 

Para o proxecto ALPI foron creadas e desenvolvidas algunhas ferramentas que facilitaron a edición, tratamento e consulta dos materiais: 

- Unha aplicación para que os diferentes membros do proxecto poidan introducir a información a través dunha web. Esta ferramenta permite cargar a información da BD ALPI.

- Unh aplicación de xestión da información introducida no ALPI que facilita a revisión dos contidos que se van incorporando.

- A adaptación dun software que permite navegar polas páxinas dos cadernos de enquisa do ALPI e que lle mostra ao usuario o documento orixinal dixitalizado de cada localidade enquisada. Este software está integrado dentro das aplicacións creadas para o equipo encargado da edición e tamén para os usuarios do ALPI.

- A adaptación dun software utilizado para recortar as imaxes que figuran nalgunhas páxinas dos cadernos de enquisa do ALPI e para vinculalas coas respostas ás que fan referencia.

- Unha ferramenta aberta aos usuarios que permitirá buscar entre todos os contidos do ALPI e xerar mapas de forma dinámica a partir dos datos que proporciona o atlas.

- As ferramentas incorporan a fonte DoulosSILR, necesaria para visualizar transcrición en AFI das respostas, tanto na aplicación como no servidor de mapas.

 

Software libre (GPL) usado para o desenvolvemento e maquetación deas aplicacións web, datos e materiais do proxecto:

Notepad++, 2014. GPL Licence. http://notepad-plus-plus.org/.

Quantum GIS Development Team, 2014. Quantum GIS Geographic Information System. Open Source Geospatial Foundation Project. http://qgis.osgeo.org.

Inkscape, 2014. Inkscape is Free and Open Source Software licensed under the GPLhttp://www.inkscape.org/es/.